Para continuar o conto

Tanto para as que participastes na elaboración do conto como para os que non o fixestes e tiñades ganas de facelo vai esta actividade que podedes ler no apartado de Recursos: trátase de construír un teatriño no que seguir dándolle vida a Pepe Roque e o resto de personaxes.

Se premedes na imaxe xa ides dereitos ao allo:

Xa podedes ler o conto!

Foron dez xornadas de moito discurrir… ducias de miolos esprimidos a máis non poder… centos de ideas que ían e viñan e se combinaban extraordinariamente nun crebacabezas colectivo no que todas as rapazas e rapaces foron deixando un anaquiño de si… Agardo que gocedes co resultado tanto como gocei eu nesta viaxe!

Premede aquí embaixo ou na icona da marxe dereita para acceder ao conto.

E se vos proe a curiosidade de saber como se argallou toda esta historia, ide ao apartado de Multimedia;  alí podedes ver o vídeo do proceso creativo. Habedes gustar!

A Gracia escribiu o final

O pasado venres A Gracia tremeu de emoción cando se revelou o misterio da botella que o vello sabio fixera chegar sutilmente ás mans de Pepe Roque. Rimos e gozamos mentres se descubrían os verdadeiros motivos polos que o noso tigre tivo que penar tanto na viaxe ata Compostela.

Mágoa que as que non estivestes alí non poidades sabelo de momento…  poooorque nos imos facer de rogar un pouquichiño máis! Para coñecer o final da nosa historia ides ter que agardar á publicación do conto, moi, moi, moi axiña, na nosa bitácora!

E mentres é e non, podedes facer unha visita á exposición virtual, onde xa están para ver algúns dos debuxos que se fixeron en cada sesión. Hai unha boa manchada de artistas!

En paracaídas ata Marrozos

En Marrozos Pepe Roque superou a segunda proba: subir ao alto do monte onde fica chantada na pedra a espada máxica que el debe liberar. E como fixo desta volta? Pois parece ser  que un canón o lanzou alá enriba e cun paracaídas foi baixando ata aterrizar no curuto do monte! Moito lle traballa a cabeza aos máis miúdos…

E aquí está o noso protagonisa a piques de aterrizar, pendurado do seu paracaídas, nun debuxo de Nilo:

O último capítulo vivirémolo na Gracia o venres 15 ás 18:30h. Xa non queda nada para saber en que dá todo isto…

Un labirinto entre Conxo e Laraño

Onte os rapaces e rapazas de Laraño e Conxo seguiron co traballo de descubrir as trabas que Uxío Xadou lle ía poñendo a Pepe Roque para fastidiar a súa viaxe na procura do tesouro compostelano. E houbo unha proba que centrou a atención da xornada: o noso tigre debe atravesar un perigoso labirinto, esquivando as indicacións enganosas do malvado lobo, para pasar á seguinte proba e arrincar a espada da pedra do monte.

Aquí podes ver a Pepe Roque saíndo do labirinto de camiño ao monte:

E como vai facer? É case imposible! O lobo Uxío Xadou é moi arteiro!

Si, pero…. o amor pode conseguir cousas imposibles! A valente Peregrina acompañará a Pepe Roque na sombra para protexelo e sortear as trampas do lobo Uxío que, entre outras adoanadas, anda a lle ocultar o camiño borrando as frechas amarelas que indican a saída do labirinto. Mira que é!

Aquí queda esta imaxe da familia de Laraño mentres contraatacaban a Uxío Xadou no seu afán borrador de frechas. Canta emoción!

En Figueiras comezan os problemas

O noso protagonista, xa disposto a viaxar dende a India até Compostela, terá que se enfrontar a todo tipo de probas para chegar ao seu destino.

Os rapaces e rapazas de Figueiras investiron a tarde do sábado en prever os diferentes atrancos que irá topando Pepe Roque no seu periplo intercontinetal. Semella que non lle vai resultar doado:

  • Saltar unha fervenza
  • Saír con éxito dun labirinto
  • Saltar unha casa
  • Saltar de árbore en árbore sen tocar o chan (moito saltan pola banda de Figueiras!)
  • Converterse en Rei
  • Arrincar unha espada dunha rocha
  • Responder axeitadamente preguntas sobre palabras que non coñece
  • Resolver tres adiviñas
  • Bucear no Mar Morto
  • Escalar unha montaña

Buf, cantos traballos vai ter que pasar o pobre…

E quen vos parece que está detrás de todo isto? Pois si, ese mesmiño: o malvado Uxío Xadou! Mira que fachendoso loce no retrato que lle fixeron en Figueiras:

A aventura continúa hoxe en Conxo ás 18h e en Laraño ás 19:30h! Non faltes, ho!

Ao sol de Laraño

A xornada que se ía desenvolver onte en Laraño tivo que mudar de día por causas de forza maior: facía un sol que caían as chamas do ceo!

Acordamos en consenso que o día merecía ser gozado no exterior e que as mentes das pequenas larañenses habían estar máis aleutas cun tempo máis fresco.

Daquela, a parada en Laraño posponse para o vindeiro venres, 8 de xuño, ás 19:30h. No entanto, mantense a xornada de mañá en Figueiras ás 12h.

E para ir facendo boca, se che presta, podes dar unha voltiña pola nosa bitácora, que vimos de colgar novas fotos das xornadas anteriores e máis actividades no apartado de “Recursos”. Aquí tes un avance:

 

O vello sabio de Villestro

Ao final teñen que ser os de sempre, os máis vellos, os que nos digan como son as cousas, os que nos transmitan os coñecementos máis importantes e máis útiles para a vida, esas cousas que poucas veces se len e case nunca se ven na televisión.

Pepe Roque está tamén a piques de descubrilo… Si, el inda non o sabe! Porque tampouco sabe como raios chegou á praia aquela botella cun cheque dentro. Nós soubémolo en Villestro… Volvemos un pouco atrás na historia guiados por unha chea de rapazas e rapaces entregados que nos revelaron que, hai un tempo, un vello sabio moi vello e moi sabio lanzou a botella ao mar. Queres ver ese momento? Aquí vai un avance:

Moi ben, pero, onde estaba Pepe Roque? Esa praia que vimos en Nemenzo que praia é? Pode ser unha praia de Carnota ou de Lira ou dunha das nosas Illas Atlánticas, pero non che é por aí, a praia é moito máis lonxe! é unha praia do país de onde é orixinaria a familia de Pepe Roque… a India!

E o cheque? Por que hai un cheque metido na botella? Pois… éche ben certo que ás veces as cousas non son o que parecen… O cheque, aparentemente normal, agocha entre as súas letras e códigos bancarios un mapa que nos guía a un tesouro! E parece que non vai ser moi bo de atopar: para dar con el cómpre superar nove duras probas!

Buf, canta emoción! Cantas cousas pasaron en Villestro… Xa case non as dou contado… E inda queda o mellor de todo… O que? Que vai ser! O lugar no que se atopa o tesouro! Case, case, case o soubemos xa! O tesouro do vello sabio atópase oculto nalgún lugar de… Compostela!

Os rapaces e rapazas de Laraño serán as encargadas de darlle unha nova volta a esta historia que xa nos empeza a quitar o sono. A cita é o 31 de maio. Vemonos alí!

Nemenzo foi unha praia

En Nemenzo o noso conto colleu ás para emprender un voo longo e emocionante… A primeira parada: o mar! Nemenzo converteuse nunha praia de area suave e morna… Ao lonxe, algo axexa brillante entre a area; Pepe Roque achégase para ver que é e descobre que se trata dunha botella de vidro! E parece que ten algo no seu interior! Que será? O noso tigre ábrea de contado mentres cavila que pode ser: un mapa do tesouro, unha carta de auxilio ou de amor ou de algún amigo que está lonxe… Ao cabo, estende o tubiño de papel e comproba estrañado que se trata dun cheque! Aquí tes unha instantánea do momento:

Un cheque? E como foi dar alí un cheque? Que valor ten? E a quen vai dirixido? Mmmm… Seguro que morres de ganas de saber como segue a historia! Pois hoxe pola tarde en Villestro, máis!

Amor na Peregrina

O Conto Viaxeiro chegou o xoves á Peregrina no medio dun conflito entre o protagonista e mais o lobo Uxío Xadou; pero alí pasou algo máxico que nos encheu de felicidade, sobre todo a Pepe Roque…

O seu corazonciño de tigre parecía saírlle do sitio, os pelos puxéronselle de punta, as patas tremíanlle coma unha vara verde e regalou os ollos da cuarta… Seguro que xa todos e todas sabedes o que pasou, non si? Claro, iso mesmo, o noso Pepe Roque namorou! E de quen? Pois dunha gueparda lista coma un allo que se chama… como non podía ser doutra maneira… Peregrina!

Aquí embaixo podes vela mentres Aída lle pinta o rabo:

E como seguirá esta historia de amor felino? Que papel xogará Uxío Xadou en todo isto?

Buf, hai moitas respostas posibles… Seguro que ti tes cando menos unha! Pois xa sabes que podes participar nas seguintes sesións e axudar a decidir o futuro desta relación. Mañá viaxaremos a Nemenzo pola mañá e a Villestro pola tarde. Vés canda nós?